Se te clonan a tarxeta de crédito o banco saca tallada.
UCGAL quere poñer o foco de atención sobre un caso que chegou á asociación relacionado cos roubos
nas fraudes de clonación de tarxeta. Recentemente, unha das nosas asociadas levou unha
desagradable sorpresa cando a súa entidade bancaria, neste caso o Banco Santander, lle informou de
catro retiradas en efectivo feitas coa súa tarxeta en Seúl (Corea do Sur). Decontado, púxose en
contacto coa súa entidade para avisar de que non fixera esas retiradas e pedir a anulación da tarxeta
de crédito. Supoñemos que a tarxeta foi clonada xa que non houbo subtracción nin extravío.
Neste caso concreto, o Banco Santander devolveulle a nosa asociada o importe íntegro dos cartos
subtraídos. Non obstante, pasados uns días, a entidade pasoulle varios cobros, cun importe total de
50,03 €, a súa conta corrente en concepto de comisión por reintegro no estranxeiro. O Santander, que
previamente recoñecera que a nosa asociada fora vítima dunha fraude, cobroulle a comisión por
retirada do efectivo roubado.
Esta organización considera que un feito como este é un abuso por parte do Banco Santander,
entidade que “aproveitou” a fraude de clonación de tarxeta para aplicar comisións á vítima.
Ante este atropelo, queremos advertir ás persoas que fosen vítimas dun uso fraudulento de tarxeta e
subtracción de cartos desde o estranxeiro que consulten coas súas entidades bancarias por se lles
pasan cobros en concepto de comisión por retirada de efectivo no estranxeiro, xa que entendemos
que ese pago está de máis.
Moralexa, se te clonan a tarxeta atento ás comisións.