COGAMI forma en Ourense a persoas con discapacidade como almacenistas

Son 15 persoas, 12 homes e 3 mulleres, as que aprenden unha profesión que demandan as empresas da zona.

As instalacións que COGAMI ten en Ourense (rúa da Farixa, nº3B, Finca Sevilla) acollen un curso de formación profesional dirixido a persoas con discapacidade en situación de desemprego e que están apuntadas na bolsa de busca de emprego da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade.

Financiado pola Consellería de Traballo e Benestar a través da Secretaría Xeral de Política Social da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo no marco do convenio de Formación Profesional e Formación Ocupacional para as persoas con discapacidade que residan na comunidade galega (PROGRAMA OPERATIVO FSE-GALICIA 2007-2013).
Un total de 15 alumnos, 12 homes e 3 mulleres, procedentes dos concellos de Ourense, Pereiro de Aguiar e Barbadás asisten de luns a venres en horario de 9 a 14 horas ao curso que leva por nome Xestión de stocks, almacén e control de caixa.
Cunha duración total de 250 horas lectivas, das que 100 serían de teoría e 150 de práctica no manexo de carretilla, o alumnado terá a oportunidade de realizar prácticas en empresas da zona cando rematen as clases.
COGAMI decidiu impartir en Ourense este curso de xestión de stocks, almacén e control de caixa porque é unha profesión que demandan as empresas da zona e, polo tanto, é unha formación que posibilita ás persoas con discapacidade ou incapacidade laboral para a profesión habitual, especializarse nunha profesión que ten saída laboral. O 75% das persoas apuntadas ao curso están en proceso de reciclaxe por non poder traballar na profesión habitual.

A Asociación Fotográfica «O Potiños» inagura este venres unha exposición

“GALICIA E GALEGOS” é a exposición colectiva que presenta a Asociación Fotográfica O Potiños para o Outono Fotográfico 2014. Será inagurada o día 6 as sete da tarde no auditorio municipal do Carballiño, e poderase visitar todos os Venres, Sabados e Domingos do mes de Febreiro de 19:00 a 21:30

“GALICIA E GALEGOS”

Na percura da identidade escarvamos nas nosas raíces:

cos pes descalzos arredor dunha vieira sentimos a alma fonda da Galicia milenaria que late na pedra espida da Praza do Obradoiro, meta do Camiño de Santiago e corazón da Terra Galega;

o lume da lareira mergúllanos no sangue dos nosos devanceiros; avós e netos xunguidos polo fío da vida no latexo do silencio;

una vella camiña firme e decidida cara o souto, onde a agardan as castañas eternas;

una moza loira toca a gaita nas ruínas dun mosteiro, escóitase o son das meigas;

una rapaciña nova voa polo Castro de San Cibrán de Lás;

un neno mira, una moza voa nas Illas Cíes;

duas neniñas aprenden a ser peliqueiras;

una muller pasa as contas dos recordos nun recanto da súa horta, mentres outra está fiando;

o mar, a terra, e no medio una muller: a marisqueira;

e no interior aparecen os labregos, segando a herba, ou arando as leiras;

festas, feiras, romerías… música, entroido, … e como paisaxe de fondo sempre o verde, o paraugas , a luz pelexando coa néboa pecha.

E topamos tamén a alteridade: nos milleiros de peregrinos que camiñan cara Compostela, e tamén dentro de nos mesmos, nesa parte nosa interior que descoñecemos e que moitas veces nos sorprende.

Atopamos esa foto creada pola luz, esa imaxe que nos devolve o espello …

Pero aínda nos quedan moitas cousas fora do encuadre: a Galicia industrial, moderna, urbana, tecnolóxica …
Quedan cousas para facer mil exposicións máis. Pero, de momento, esta é a nosa proposta: Galicia e galegos, identidade e alteridade, luces e sombras, maxia e misterio …