Danza Tribal Oriental en Castrelo de Miño

O último domingo de mes Castrelo de Miño celebra a súa tradicional feira. Para esta de o mes de febreiro, Castrelo centra a súa temática na representación de Meigas Tribal, danzas tribais orientais. Ademais disto, os que asistan seguirán podendo gozar de lecer, gastronomía e mercado, onde se poderán atopar produtos naturais, maquinaria, utensilios, artesanía ou plantas, entre outros. Todo iso o domingo 26 na localización tradicional da feira, detrás do Parque Náutico de Castrelo.

Para o vindeiro luns 27 ás 8 da tarde, a Casa do Concello albergará unha reunión informativa para todos aqueles interesados en recibir axudas e subvencións do programa europeo Leader 2014-2020 dentro do Grupo de Desenvolvemento Rural Carballiño-Ribeiro, ao que Castrelo de Miño está adherido. Por este motivo, están a realizarse reunións informativas para atraer a todo aquel que estea interesado en solicitar este tipo de axudas para a creación de empresas ou a mellora das xa existentes.

A primeira revisión dos proxectos que se presenten realizarase o 31 de marzo. Todo aquel que busque solicitala, xa sexa unha comunidade de montes, un particular, un autónomo, unha PEME ou unha asociación, poderá interesarse a través do 988 488 451 ou por correo electrónico en [email protected] Ademais, tamén poderá recibir asistencia presencial nas oficinas que a Asociación Carballiño-Ribeiro ten abertas ao público no Centro Cívico de Leiro de luns a venres de 9 da mañá a 2 da tarde.