CONSTRUCCIÓN DUN NOVO MIRADOR SOBRE O RÍO ARENTEIRO

COMEZA A CONSTRUCCIÓN DUN NOVO MIRADOR SOBRE O RÍO ARENTEIRO NA ZONA DO BALNEARIO

FACILITARÁ O ACCESO PEONIL ENTRE O SENDEIRO E A RÚA DO RÍO AVIA

O Carballiño, 10 de outubro de 2016.- O Paseo do Arenteiro contará a finais deste mes cun novo mirador e acceso peonil entre o sendeiro e a Avenida do Balneario. Estará ubicado no remate da rúa Río Avia, moi preto do Balneario.

Trátase dunha rúa sen saída e cun gran desnivel sobre o sendeiro da ribeira esquerda do Arenteiro, polo que este proxecto, redactado polo arquitecto municipal, cumpre un dobre obxectivo: por un lado, mellorar a seguridade, e por outro, facilitar o acceso entre esta rúa e o paseo do río, ademáis de embelecer o lugar.

Así, a remodelación consiste na construcción dunha praza-mirador, de 2,70 metros de altura sobre o nivel do paseo do río, e de dúas vías de acceso, unha en escaleira pola marxe dereita, e outra en rampa pola marxe esquerda. Tanto a praza-mirador, como a escaleira e a rampa irán recubertas de pedra, e terán unha baranda de ferro. Tamén está prevista a colocación de bancos de forxa e madeira.

Para executar esta obra, que ten un custo global duns 50.000 euros, o concello conta cunha subvención de 40.000 euros da Dirección de Turismo da Xunta de Galicia, segundo un convenio asinado o pasado verán entre o alcalde, Francisco Fumega, e a Directora de Turismo, Nava Castro.

Hoxe realizáronse diversas medicións no lugar do emprazamento deste novo mirador, e as obras comezarán de inmediato, calculándose que poderían estar rematadas a finais deste mes de outubro.

mirador-balneario