A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) quere alertar ás persoas consumidoras das insistentes prácticas que as entidades financeiras están intensificando nos últimos meses, como intento de paliar os efectos da retirada das cláusulas chan e a previsible restitución das cantidades cobradas en aplicación dun tipo de xuro mínimo.
Esta alerta xustifícase no significativo aumento de consultas que esta organización está a recibir de usuarios con préstamos hipotecarios asinados con cláusulas chan, nas que se manifesta a insistente presión de directores das entidades financeiras co fin de que asinen un acordo de novación das súas hipotecas sobre a base dun tipo fixo xunto coa renuncia a emprender ou continuar calquera acción legal da que dispuxesen ou exercitaran.
Estes feitos sitúanse nun contexto no que as organizacións de consumidores e usuarios están á espera da resolución do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, que entrará a valorar a retroactividade dos efectos da declaración de nulidade das chamadas cláusula chan, que previsiblemente obrigará ás entidades a restituír as cantidades desde a sinatura da hipoteca.
A Unión de Consumidores de Galicia quere recordar aos consumidores que está a súa disposición para informar e traballar na defensa dos seus dereitos en canto á recuperación das cantidades aboadas de máis aos bancos en aplicación dun limite mínimo ao tipo de xuro que se recolle nos seus préstamos.
O pasado 14 de abril, publicouse unha sentenza do Tribunal de Xustiza da UE, declarando que os consumidores non poderán ver limitados os seus dereitos nos supostos de interposición de reclamacións individuais.
UCGAL insiste en que as persoas que teñan unha hipoteca que inclúa unha cláusula chan poden plantexar a defensa dos seus intereses e reclamar as cantidades cobradas