En PIÑOR usan os recursos públicos para fines privados

A BRIGADA DO CONCELLO PÓDALLE UNHA ÁRBORE NA FINCA DO TENENTE DE ALCALDE.

 

Sorprendidos se quedaron varios vecinos de Piñor que estaban nas inmediacións do centro de saúde cando presenciaron como a brigada do concello entrou nunha finca do tenente de alcalde, e socio de goberno do alcalde, para proceder a podar unha árbore da citada finca.

E sorprendidos nos quedamos os concelleiros do grupo municipal socialista cando nos enteramos do acontecido, polo que diante deste uso de bens públicos en beneficio dun concelleiro do grupo de goberno, temos pensado dirixirnos ó alcalde para pedirlle aclaracións

ó respecto. Queremos saber se foi o alcalde que lle dou a orde á brigada ou se pola contra foi o propio tenente de alcalde. Queremos saber se a brigada do concello vai ter entre os seus cometidos facer traballos particulares para os membros do grupo de goberno ou se ese privilexio se vai estender para todos os concelleiros. De ser así os catro concelleiros do grupo socialista xa anunciamos a nosa renuncia a semellante privilexio. Cando teñamos que podar as nosas árbores ou desbrozar as nosas fincas farémolo cos nosos medios ó igual que o fan o resto de veciños.

Pronto se cumprirán seis meses do cambio de goberno en Piñor e por desgracia ben pronto vemos como se cumpren as nosas previsións: as políticas caciquís, clientelares e oscurantistas volven ser a práctica habitual do Concello de Piñor.

IMG_6761