O Concello de Piñor «pasa» da violencia de xénero

O Grupo municipal Socialista manifesta que e unha vergoña a actitude do actual goberno ante o que e un problema social, e lamentan que de ser pioneiro na loita por a igualdade pase a estar no furgón de cola.

 

NIN UN ACTO NIN UNHA MENCIÓN NO DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO.

Despois de tantos anos conmemorando esta data o Concello de Piñor pasa do tema.

 

Diante da ausencia de convocatoria algunha, ou de comunicación dalgún acto relativo á conmemoración do Día Internacional contra a violencia de xénero por parte do Concello de Piñor; o grupo municipal socialista preguntóulle no pleno de onte ó alcalde por se había algunha previsión ó respecto. A resposta do alcalde foi cando menos sorprendente: limitouse a dicir que aínda recibirán onte os carteis e folletos que lle mandara a Xunta de Galicia e non tiveran tempo a colocalos.

Indígnanos ó grupo socialista a falla de compromiso por parte do Concello de Piñor con esta lacra social, nin unha pequeña declaración institucional, nin unha concentración, nin un acto por pequeño que fose.

A violencia de xénero non se aborda únicamente cun cartel (que non dou tempo a colocar) coma quen pon un cartel dunha festa. É un compromiso coa sensibilización, coa información, co non ocultar unha problemática, implicando a toda a veciñanza e facéndolle ver que a violencia de xénero é un problema de toda a poboación. E nesa tarefa é imprescindible a colaboración dos concellos posto que somos a administración que máis cerca está da xente.

Todos estes anos pasados, durante os gobernos socialistas, sempre se conmemorou esta data; uns anos con obradoiros de sensibilización, outros con charlas, outros con diversos talleres, con conferencias, coa presencia de destacadas conferenciantes, ata contamos coa presencia da Secretaria de Estado de Igualdade e coa Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta que viñeron a participar nas actividades organizadas polo concello e puxeron a Piñor como exemplo das políticas contra a violencia nos concellos do rural. O ano pasado, nun acto moi concurrido, coincidindo con esta data presentamos o terceiro Plan de Igualdade de Oportunidades das Mulleres e dos Homes de Piñor, sendo Piñor dos poucos concellos galegos que xa van pola terceira edición. Plan no que se recolle o compromiso do concello neste eido, e que os actuais gobernantes de Piñor ignoran por completo. Pasamos de ser un concello pioneiro na loita contra a violencia de xénero a situarnos no furgón de cola.