Inauguracion “Galicia e Galegos” exposición conxunta de O Potiños para o Outono Fotográfico

“GALICIA E GALEGOS” é a exposición colectiva que presenta a Asociación Fotográfica O Potiños de O Carballiño para o Outono Fotográfico 2014.

Na percura da identidade escarvamos nas nosas raíces:

cos pes descalzos arredor dunha vieira sentimos a alma fonda da Galicia milenaria que late na pedra espida da Praza do Obradoiro, meta do Camiño de Santiago e corazón da Terra Galega;

o lume da lareira mergúllanos no sangue dos nosos devanceiros; avós e netos xunguidos polo fío da vida no latexo do silencio;

una vella camiña firme e decidida cara o souto, onde a agardan as castañas eternas;

una moza loira toca a gaita nas ruínas dun mosteiro, escóitase o son das meigas;

una rapaciña nova voa polo Castro de San Cibrán de Lás;

un neno mira, una moza voa nas Illas Cíes;

duas neniñas aprenden a ser peliqueiras;

una muller pasa as contas dos recordos nun recanto da súa horta, mentres outra está fiando;

o mar, a terra, e no medio una muller: a marisqueira;

e no interior aparecen os labregos, segando a herba, ou arando as leiras;

festas, feiras, romerías… música, entroido, … e como paisaxe de fondo sempre o verde, o paraugas , a luz pelexando coa néboa pecha.

E topamos tamén a alteridade: nos milleiros de peregrinos que camiñan cara Compostela, e tamén dentro de nos mesmos, nesa parte nosa interior que descoñecemos e que moitas veces nos sorprende.

Atopamos esa foto creada pola luz, esa imaxe que nos devolve o espello …

Pero aínda nos quedan moitas cousas fora do encuadre: a Galicia industrial, moderna, urbana, tecnolóxica …
Quedan cousas para facer mil exposicións máis. Pero, de momento, esta é a nosa proposta: Galicia e galegos, identidade e alteridade, luces e sombras, maxia e misterio …