COGAMI forma en Ourense a persoas con discapacidade como almacenistas

Son 15 persoas, 12 homes e 3 mulleres, as que aprenden unha profesión que demandan as empresas da zona.

As instalacións que COGAMI ten en Ourense (rúa da Farixa, nº3B, Finca Sevilla) acollen un curso de formación profesional dirixido a persoas con discapacidade en situación de desemprego e que están apuntadas na bolsa de busca de emprego da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade.

Financiado pola Consellería de Traballo e Benestar a través da Secretaría Xeral de Política Social da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo no marco do convenio de Formación Profesional e Formación Ocupacional para as persoas con discapacidade que residan na comunidade galega (PROGRAMA OPERATIVO FSE-GALICIA 2007-2013).
Un total de 15 alumnos, 12 homes e 3 mulleres, procedentes dos concellos de Ourense, Pereiro de Aguiar e Barbadás asisten de luns a venres en horario de 9 a 14 horas ao curso que leva por nome Xestión de stocks, almacén e control de caixa.
Cunha duración total de 250 horas lectivas, das que 100 serían de teoría e 150 de práctica no manexo de carretilla, o alumnado terá a oportunidade de realizar prácticas en empresas da zona cando rematen as clases.
COGAMI decidiu impartir en Ourense este curso de xestión de stocks, almacén e control de caixa porque é unha profesión que demandan as empresas da zona e, polo tanto, é unha formación que posibilita ás persoas con discapacidade ou incapacidade laboral para a profesión habitual, especializarse nunha profesión que ten saída laboral. O 75% das persoas apuntadas ao curso están en proceso de reciclaxe por non poder traballar na profesión habitual.